Thursday 09 de May de 2024

Economía e Industria impulsa a mobilización de máis de 1,6 millóns de euros na proxección exterior do sector téxtil galego


 

Respáldanse actuacións como a participación das compañías en feiras, exposicións ou certames internacionais de moda

A Xunta impulsa a mobilización de investimentos empresariais por 1,64 millóns de euros a través dunha convocatoria específica para impulsar as estratexias de internacionalización do téxtil galego, mediante a concesión de axudas por 550.000 euros coas que se apoian as iniciativas de proxección exterior de 28 empresas do téxtil-moda.

Mediante esta convocatoria de axudas, o Igape apoia actuacións de difusión mediante campañas e actuacións de promoción; a participación en feiras, exposicións ou certames internacionais de moda; e iniciativas orientadas a facilitar a penetración das marcas galegas do sector téxtil en mercados internacionais.

O obxectivo deste programa é precisamente incentivar o desenvolvemento de actuacións e estratexias de difusión, promoción e acceso das marcas do téxtil galego a mercados externos a Galicia, tanto nacionais como internacionais. Deste xeito, a Xunta fomenta e facilita estratexias de promoción e internacionalización do sector téxtil baseadas en factores como o deseño, a innovación e a calidade, así como o apoio á imaxe de marca e o uso de novos tecnoloxías.

O téxtil é un sector de importancia estratéxica para Galicia, que actúa como unha das principais locomotoras da internacionalización da comunidade. Constitúe unha das actividades económicas responsables da excelente evolución das exportacións galegas nos últimos anos, e a súa progresión será fundamental na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que o Goberno está a impulsar cos principais axentes económicos.